Publicado o Deixa un comentario

Titorial: bolsa pregabre para a compra

Bamio, as nosas bolsas pregabres para a compra.

Na casa intentamos minimizar tanto coma podemos o gasto de plásticos dun só uso. Por iso, á hora de face-la compra, gústanos leva-las nosas propias bolsas.

Aínda que algunhas desas bolsas son de plástico (xa que as temos, intentamos usalas ata que din basta), as que máis cómodas nos resultan son as que facemos nós mesmos: teñen o tamaño perfecto e a forma ideal. É o bo de facer algo ti mesmo, falo exactamente coma queres.

Pensamos en compartir convosco como facemos estas bolsas, e veredes que todo son vantaxes: moi sinxelas de facer (o proxecto ideal para os que vos iniciades na costura), con boa capacidade, cómodas de usar e, por se fora pouco, pregabres (poderedes levalas sempre enriba por se xorde unha compra imprevista).

Materiais

  • Tea: 1m é máis que suficiente.
  • Úteis de costura: máquina de coser, fío, tesoira, cinta métrica,…

A tea que elixades debe ser resistente (para que non se rompa ó levar peso), non elástica (para que non ceda ó meter cousas dentro) e fina (para que se poida pregar e gardar con facilidade). Persoalmente preferimos usar teas “de refugallo”: aquelas de baixa calidade que non queremos usar para outras cousas ou sacadas de prendas de roupa vellas.

Patrón

O patrón é tan sinxelo que non necesitaredes imprimilo. Componse de 3 pezas rectangulares:

  • Bolsa: 100cm x 50cm
  • Asa: 80cm x 24cm
  • Peto: 26cm x 16cm

Se a vosa tea non é demasiado fina, ou non tedes moita habilidade pregando, facede que o voso peto sexa máis grande (por exemplo, duns 30cm x 20cm).

Confección

Prepara-la asa

  1. Dobra-la asa en 2 partes iguais ó longo, de modo que mida 80cm x 12cm e teña o revés da tea oculto, e pasa-lo ferro para crear un prego. Abrir de novo a asa.
  2. Dobrar cada un dos extremos de 80cm cara o centro, ocultando o revés da tea, facendo que cheguen ó prego antes formado. Pasa-lo ferro ás 2 dobreces para crear novos pregos.
  3. Dobra-la asa en 2 ó longo, facendo que os bordos de 80cm queden ocultos. A asa medirá agora 80cm x 6cm. Pasa-lo ferro.
  4. Coser cada un dos lados longos da asa (80cm) cunha costura cercana ó bordo.

Prepara-lo peto

  1. Dobrar un extremo curto do peto 0’5cm cara ó revés da tea, de modo que mida 25’5cm x 16cm. Pasa-lo ferro á dobrez.
  2. Volver dobrar 0’5cm o mesmo extremo cara ó revés de la tela, de modo que mida 25cm x 16cm. Pasa-lo ferro á dobrez.
  3. Cose-la dobrez cunha costura cercana á dobrez interior.
  4. Dobrar ó ancho cara ó dereito da tea deixando 5cm libres, de modo que mida 15cm x 16cm.
  5. Cose-los laterais do peto a 0’5cm do bordo.
  6. Voltea-lo peto para que o revés da tea estea dentro.

Prepara-la bolsa

  1. Dobra-la bolsa en 2 partes iguais ó ancho, de modo que mida 50cm x 50cm e teña o revés da tea oculto.
  2. Coser cada un dos lados laterais cunha costura a 0’5cm do bordo.
  3. Da-la volta á bolsa de modo que agora o dereito da tea quede oculto. Pasa-lo ferro ás costuras anteriores.
  4. Coser cada un dos lados laterais cunha costura a 1cm do bordo. Esta costura ocultará a anterior facendo que sexa máis elegante e resistente: coñécese coma costura francesa.
  5. Dobra-la boca da bolsa 0’5cm cara ó revés da tea, e logo outros 3cm máis. Prender con alfinetes.

Unir todo

  1. Introducir un extremo da asa no bordo dobrado da bolsa, centrándoo nunha das costuras francesas laterais. Dobra-la asa cara arriba e prender con alfinetes.
  2. Repeti-lo paso anterior para o outro extremo da asa, con coidado de non retorcela entre os extremos.
  3. Introduci-lo extremo libre do peto no bordo dobrado da bolsa, centrándoo entre as unións da asa, e prender con alfinetes.
  4. Coser ó bordo da bolsa, unindo tódolos elementos anteriores.
  5. Realizar outra costura ó bordo da bolsa, cercana á dobrez, para reforza-las unións.

Só queda voltea-la bolsa e xa estará lista para que a usedes.

Como vedes, este proxecto DIY é do máis sinxelo e útil. Engadímo-lo titorial á nosa tenda como pdf descargable (gratuíto), por se o queredes ter á man. Como cada un dos nosos produtos, leva un nome moi galego: Bamio. Esperamos que vos animedes a face-las vosas propias bolsas 🙂